Rey Varela presenta a nova Axenda Social de Galicia como un documento para “as persoas que peor o están a pasar” baseado na “coordinación entre as administracións e o tecido social” – Xunta de Galicia
Santiago, 25 de abril de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu na mañá de hoxe a sesión extraordinaria do Consello Galego de Benestar Social que tivo como puntos centrais as presentacións da Historia Social Única Electrónica e da Nova Axenda Social de Galicia. Neste eido, o responsable da área social do Goberno galego salientou a importancia dunha axenda creada “para as persoas que peor o están a pasar” e que está baseada na “coordinación entre as administracións e o tecido social”.
Subliñou tamén que o investimento no marco da colaboración cos concellos no ámbito da inclusión acadará os 161 millóns de euros neste ano, o que representa unha subida do 26% con respecto ao orzamento consignado en 2015 (128 millóns de euros). Ademais, na sesión do Consello, procedeuse a aprobación da acta da sesión anterior e informouse de tres proxectos de orde para a modificación do módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, para a creación da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade e regulación do procedemento para a súa obtención, e mais para a modificación do decreto polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións nas residencias de tempo libre.
Respecto á Nova Axenda Social de Galicia, o conselleiro resaltou as axudas existentes para mellorar a renda das persoas con dificultades e apuntou cara un feixe de medidas que inclúe accións para paliar as dificultades de pago da tarifa eléctrica, medidas para evitar os desafiuzamentos, a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), así como outras axudas municipais, de inclusión, e para a rede daquelas persoas que traballan no ámbito social.
Máis en concreción, o titular de Política Social falou de medidas como a segunda edición do ticket eléctrico, a orde de entidades de inclusión social (aprobada a semana pasada no Consello da Xunta e que duplica o seu orzamento ao pasar de 3,5 millóns de euros a 7), a orde de concellos de inclusión social (que tamén duplica o seu orzamento), medidas de atención á dependencia cos concellos como o Servizo de Axuda no Fogar (que disporá dun millón de horas máis a partir de xuño) ou medidas contra a pobreza infantil como os convenios ProInfancia asinados coas principais cidades de Galicia (proximamente asinaranse nas cidades de Pontevedra e Vigo) ou as axudas para a adquisición de medicamentos.
Nesta liña, o conselleiro tamén falou do Plan Concertado e anunciou un incremento do seu orzamento nun 12%, así como a reserva de orzamento para a contratación de máis persoal por parte dos concellos nos ámbitos de actuación de auxiliares, educadores sociais e da atención temperá (dentro do que se formarán 12 novos equipos ata chegar aos 18).
Historia Social Única Electrónica
No día de hoxe tamén foi presentada ante o Consello Galego de Benestar Social a Historia Social Única Electrónica (HSU) que será aprobada esta mesma semana no Consello da Xunta. Esta iniciativa, enmarcada no Plan Trabe, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería foi cualificada polo conselleiro como “un reto importantísimo para a Xunta de Galicia”. O conselleiro agradeceu ás persoas da Consellería de Política Social e da Amtega o seu traballo “durante anos neste campo de complexidade”.
Nas súas verbas asegurou que ao apoiarse no sistema de historia clínica electrónica IANUS -“de gran potencialidade”-, “permítenos ser moi ambiciosos na Historia Social Única Electrónica”. Deste xeito, dixo o conselleiro, coa aprobación da HSU no próximo Consello da Xunta, “deixará de ser un proxecto para que pase a ser unha realidade”.